Follas novas dun carballo vello, en Tui, o pasado 28.03.2012, no entorno do parador de turismo.
O Miño, o río matricial de Galicia, rico en meixós (angulas) e lampreas, faise aquí fronteira con Portugal.
O tsunami da burbulla inmobiliaria quedou aquí paralizado, xa tocando a feira de Valença do Minho, á que penso adicarlle un post que tamén vai de sustentabilidade.
Entrada n. 1519 do blog
Artículo semanal
O Día da Terra,
por Xesús López Fernández
O Día da Terra, o 22 de abril, vense celebrando en moitos países do ancho mundo. O seu promotor, o senador dos EEUU Gaylor Nelson, instaurou este día pra creare unha conciencia común ante problemas como a superpoboación, a contaminación, a conservación da biodiversidade e outras preocupaciós ecolóxicas prá conservación da Terra. A situación actual é case extrema, como se en certo sentido xa estiveramos fóra de tempo pra unha posible recuperación. Se a revolución agraria foi cousa de miles de anos, a industrial tomou un par de séculos; pero a medioambiental non vai dispoñer dun folgado prazo e terá que se producir en cousa de escasas décadas. De momento, a conciencia dos gobernos non parece vaia máis alá dos discursos do cambio climático ou da sustentabilidade, ou miran pra outra parte cando lles convén. Foi no 1970 cando se celebrou a primeira manifestación, promovida por Gaylor Nelson, ambientalista, prá creación dunha axencia ecolóxica.
Na manifestación participaron daquela dúas mil universidades, dez mil escolas primarias e secundarias e centos de comunidades. A presión social tivo certos logros, marcaba como unha alborada de esperanza. No 1972 celebrariase a primeira conferencia internacional sobre medio ambiente: a Conferencia de Estocolmo, coa idea de sensibilizaren ós líderes dos diversos países sobre a magnitude dos problemas existentes, pra así instituiren as políticas precisas prá súa solución. O Día da Terra é unha festa que pertence á xente e non está regulada por unha soa entidade ou organismo; tampouco está relacionado con reivindiaciós políticas, relixiosas, ideolóxicas nen étnicas. É un momento pra tamén reflexionare sobre a auga, indispensable prá vida do planeta, pra tóda-las especies, tamén pró home, e que só o 2% da existente é potable.
Reto de salvación asumido por ecoloxistas e líderes políticos: Gorbachov, Leonardo Boff, Wangari Maathai, fundadora do movemento Cinturón Verde, en Kenia, impulsora da prantación de trinta millós de árbores no seu país; Marina da Silva, o anxo da Amazonía, etc. A conciencia ecoloxista cidadá está moi desperta no Brasil; non tanto no seu Goberno. Curiosamente, parece que a celebración do Día da Terra ten máis colorido nos países nos que existe unha poboación rural importante, como se así resultase máis fácil comprender que o home é fillo da Terra e non ó revés; de asumi-los catro principios básicos da Carta da Terra que, preludiada por Gorbachov, son: Respeto e coidado da vida, Integridade ecolóxica, Xusticia social i económica e Democracia, non violencia, e paz. A Carta conclúe con palabras alentadoras: Que sexa o noso un tempo pra lembrare polo espertar dunha nova reverencia ante a vida; pola roqueña decisión de acadare a sustentabilidade; por un crescendo certo na loita pola xusticia e a paz; e pola leda celebración da vida.
Pero a declaración máis fermosa e profunda que endexamáis se teña escrito é a do Xefe Indio Seattle, cando responde ó Gran Xefe de Washington, que lle quería mercare aquelas terras. As palabras do xefe indio son inmutables, como as estrelas, según él mesmo di: “¿Cómo podedes mercar ou vende-lo ceo, o calor da terra?. Esta idea parécenos extraña, pois non somos donos da frescura do aire nen do escintilar da auga.[…] Decímolo oportunamente. Debedes saber que cada partícula desta terra é sagra pró meu pobo. Cada folla ourilocente, cada praia areosa, […] son memoria i experiencia do meu pobo, como que a savia que circula nas árbores porta as memorias do pel roxa. Os mortos do home branco esquécense da súa terra cando van camiñar antr´as estrelas. Os nosos mortos endexamáis esquecen esta terra, nai do pel roxa, porque somos parte da terra i ela é parte de nós”. O Gran Xefe de Washingon pedía moito. O Xefe Seattle entendería a Carta da Terra. Parece que os nosos gobernantes suspenden e lexislan mal. E a xusticia non chega.
Carta do xefe indio Seattle. (Vale máis a carta de Seattle que o artículo)
Carta do xefe indio Seattle. (Vale máis a carta de Seattle que o artículo)